25-11-2019

Arrancan os obradoiros sobre o manexo do computador e móbil en Fene

Un total de 12 veciñas e veciños iniciaban a semana pasada na aula de informática municipal os obradoiros sobre o manexo do computador e sobre o uso do teléfono móbil. Gratuítos, prolongaranse ata o vindeiro mércores 27 de novembro.

As accións formativas están organizadas polo Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (INICE), en colaboración co Concello de Fene, e teñen unha duración de 12 horas. Este programa está subvencionado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.
22-11-2019

O Concello leva aos centros educativos actividades de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

A Concellería de Igualdade que dirixe Juana Barro inaugurará este luns 25 de Novembro, "Día Internacional pola Eliminación da Violencia cara á Muller", unhas sesións de contacontos-obradoiro para o alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria (nenas e nenas de 3 a 9 anos).

"As Cores" é o nome do conto co que se pretende traballar de xeito dinámico temas tan importantes como a igualdade, a inclusión, o traballo en equipo, as emocións... transmitindo valores sempre a través do lúdico. Queda moito que traballar en tema de igualdade e de sensibilización, por exemplo, coa aprendizaxe da lingua de signos ou o respecto polos tempos e as necesidades de cada persoa e este contacontos foi creado precisamente para sensibilizar diso dende as primeiras idades.
19-11-2019

Aberta a inscrición no obradoiro “A saúde: unha cuestión de xénero”

 A Concellería de Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, vén de abrir o prazo de inscrición no obradoiro gratuíto “A saúde: unha cuestión de xénero”. Pode formalizarse nos teléfonos 981 34 26 07 e 981 49 27 06, no email smam@fene.gal ou presencialmente no Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. Do Mar Bloque 1, baixo San Valentín). Consta de dúas sesións de cinco horas, e celebrarase os días 9 e 11 de decembro, de 16,30 a 19 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais.
15-11-2019

Últimos días para anotarse nos obradoiros sobre o manexo do computador e móbil

O Concello de Fene lembra que a aula de informática municipal (Avda. de Naturais, 44, entresollado dereita) acollerá, do 20 ao 27 de novembro, dous obradoiros sobre o manexo do computador e sobre o uso do teléfono móbil. Dirixidos preferentemente a mulleres, son gratuítos e o prazo de inscrición permanece aberto no seguinte enderezo electrónico igualdadgalicia@inice.es ou no telefono 646385736.

As accións formativas están organizadas polo Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (INICE), en colaboración co Concello de Fene, e teñen unha duración de 12 horas en quenda de mañá. Poderán participar todas as mulleres do concello sen límite de idade. Este programa está subvencionado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.
15-11-2019

O Concello activa a pé de rúa unha campaña de sensibilización contra a violencia machista

A concelleira de Igualdade, Juana Barro, anunciou esta mañá a posta en marcha dunha campaña de sensibilización contra a violencia machista co gallo da conmemoración do 25 de Novembro, “Día Internacional pola Eliminación da Violencia cara as Mulleres”. Así, dende hoxe e ata o 15 de decembro, as rúas de Fene amosarán mensaxes que inviten á cidadanía a reflexionar e recapacitar sobre esta crúa realidade como é a dos asasinatos de mulleres polo mero feito de ser mulleres, poñendo a vista na importancia dunha educación en igualdade, dende o respecto e dende a diversidade. Algo que compete a toda a sociedade, non só ás mulleres.
13-11-2019

O Concello de Fene convoca as subvencións ás familias para a adquisición dos agasallos de Reis

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá de que o Concello vén de convocar as subvencións dirixidas ás familias para a adquisición de agasallos para a festividade de Reis. Destina a esta iniciativa 3.500 euros, en 50 subvencións para outros tantos nenos e nenas por importe de 70 euros para cada beneficiari@. A publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia do 12 de novembro establece a apertura do prazo de presentación de solicitudes no día de hoxe, e por un prazo de 10 días naturais.
08-11-2019

Aberta a inscrición nos obradoiros gratuítos sobre o manexo do computador e móbil

O Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (INICE), en colaboración co Concello de Fene, impartirá un ano máis obradoiros sobre o manexo do computador e sobre o uso do teléfono móbil, totalmente gratuítos e dirixidos preferentemente a mulleres.
07-11-2019

Arrancan as sesións do Proxecto INDIRA

Nun ambiente cheo de expectativas e inquedanzas, inaugurábase onte en Fene a terceira edición do Proxecto INDIRA, un espazo feminino de encontro e crecemento persoal. Unha primeira sesión á que asistiron 9 das 16 mulleres inscritas e que contou coa presenza da concelleira de Igualdade, Juana Barro, e da psicóloga municipal e coordinadora do proxecto, Eva Sagayo.
24-10-2019

Últimos días para anotarse no Proxecto INDIRA

A Concellería de Igualdade do Concello deFene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, informa de que o vindeiro 6 de novembro comeza o novo Proxecto INDIRA, un espazo para mulleres. Esta actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.
17-10-2019

O Concello impulsa terapias para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias

O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Tamara Miragaya, promove terapias no municipio para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias. Lévanse a cabo no Centro Sociocomunitario de Perlío, con sesións de dúas horas dous días á semana. Máis concretamente, os martes e xoves de 18 a 20 horas.

As terapias, que imparte AFAL Ferrolterra (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Ferrol e Comarca), son completamente gratuítas e as persoas interesadas nas mesmas poden formalizar a súa inscrición no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene ou en AFAL (981 37 06 92).

Con estas terapias, o Concello busca mellorar a atención ás persoas afectadas de alzheimer e outras demencias e, tamén, contribuír ao necesario respiro familiar dos seus coidadores.